O presidente do Goberno de Galicia salientou este martes que a posta en funcionamento do primeiro quirófano híbrido do Estado no Hospital Álvaro Cunqueiro, e un dos dez primeiros de toda Europa, permitirá levar a cabo unha cirurxía máis rápida, máis segura e máis precisa.
“Estamos a falar do quirófano máis complexo e avanzado de todos os que hai en España”, dixo o presidente, subliñando que os procedementos que permite rebaixarán aínda máis o risco e a duración deste tipo de intervencións cunha cirurxía menos invasiva e ofrecerán unha imaxe de altísima calidade ao multiplicar por sete a potencia dos equipos portátiles.
Así mesmo, a través dunha pantalla panorámica, os cirurxiáns poderán recibir imaxes en tres dimensións, realizar un mapa dinámico do sistema circulatorio do paciente e combinar a imaxe radiolóxica con outras obtidas por escáner, resonancia magnética ou ultrasóns.