Ciencia y Tecnología Galicia

@Xunta abre o prazo de solicitudes das axudas para impulsar o emprego de calidade nas empresas de base tecnolóxica

O Goberno de Galicia vén de abrir o prazo de solicitude –que remata o 2 de outubro- para acceder ás ‘Axudas de fomento do emprego estable e de calidade’ nas empresas innovadoras de base tecnolóxica, incluídos os autónomos.

O programa de apoio para as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), está encamiñado a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico. Para iso, as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica poderán recibir entre 6.000 e 24.000€ de apoios da Administración autonómica.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á que se destinan máis de 720.000€, abrangue  axudas específicas para a creación de empresas e postos de traballo neste ámbito. Esta actuación do Goberno galego enmárcase tanto na súa planificación en materia laboral, a Axenda 20 para o Emprego, como na Axenda Galicia-Industria 4.0 coa que se apoian proxectos innovadores para dar resposta ás necesidades actuais do tecido empresarial galego.

Este programa inclúe tres tipos de axudas das que se poderán beneficiar as contratacións ou proxectos realizados entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017 e sempre que as empresas estean constituídas ou inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial sexa cualificado como IEBT.

Existen tres liñas de axudas. Para a creación directa de emprego estable de carácter indefinido, incluído os dos propios promotores da iniciativa, concederanse apoios desde 6.000 e ata 10.000€, en función da titulación das persoas contratadas, que se poderán incrementar nun 25% se a persoa contratada é muller, con discapacidade, pertence a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro e no caso de que o posto de traballo estea emprazado no rural, podendo alcanzar así os 20.000€. É requisito para poder ser beneficiario desta axuda que o cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25% por persoas con titulación universitaria.

A segunda tipoloxía é para apoiar para a contratación de persoal técnico de alta cualificación que terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000€ . O período subvencionable será como máximo dun ano e para acceder á axuda o experto técnico de alta cualificación contratado deberá contar cun título universitario.

E, a terceira liña de financiamento é para a posta en marcha do proxecto empresarial con axudas dun máximo de ata 24.000€ en función dos empregos estables e financiados durante o primeiro ano de actividade.

O obxectivo principal deste programa é dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

También te puede interesar