Cultura

@carmelasilva presenta o DVD do filme ‘Visións’, enmarcado no proxecto ‘Cinema e Muller’

A presidenta da Deputación anunciou a posta a disposición dos concellos, asociacións e colectivos o DVD da película “Visións” á que cualificou como “peza audiovisual única na historia do cinema galego” e que se enmarca no proxecto “Cinema e muller”. 

“Cinema e muller”, impulsado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e dirixido por Xisela Franco e producido por Beli Martínez, ten por obxectivo, en palabras de Carmela Silva, “visibilizar ás creadoras do sector audiovisual galego e fomentar unha maior participación das mulleres na cultura e na arte”.

No marco do proxecto, xunto á formación e investigación, impulsouse a creación dunha película, “Visións”, dirixida, montada e creada por mulleres. A película, que se trata “dun filme poliédrico” – tal e como subliñou Silva -, está composta por curtametraxes que ofrecen a ollada de dez mulleres entre as que se atopan Eva Calvar, Sonia Méndez, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Andrea Zapata, Begoña Santiago, Carme Nogueira, Lara Bacelo, Diana Toucedo e Carla Andrade.

“Visións” participou, ao longo deste ano, en festivais internacionais como o Chiayifestival de Taiwan ou o CinemaAttic de Glasgow, ademais do CGAI da Coruña. O ano pasado, a película do proxecto “Cinema e muller” tivo presenza en festivais de cinema de cidades como Bilbao, Vigo, Santiago, A Coruña, Ourense, Cangas e Celanova.

Xunto á participación en festivais cinematográficos, Carmela Silva destacou que “Visións” recibiu “unha mención especial en canto á promoción da Igualdade nos premios CREA, da Asociación de realizadores de Galicia, e moitas das cineastas que participaron no filme recibiron premios en diferentes festivais polas súas curtametraxes”.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo referencia ao premio que recibiu Begoña Santiago no festival Alcances de Cádiz, á mellor curtametraxe, as mencións de Diana Toucedo nos festivais brasileiros Mira e A Mostra e de Sonia Méndez no Fer Film Festival de Kosovo, e o premio á mellor dirección e mellor curta de imaxe real no Festival Cans 2017 que recibiu Andrea Zapata.

A película “Visións” tamén se exhibiu este ano en preto de vinte concellos da provincia de Pontevedra da man de charlas dirixidas polas mulleres que participaron no proxecto “Cinema e muller”. A partir de hoxe, estará dispoñible para concellos, asociacións e colectivos que o desexen, “este DVD que –en palabras de Carmela Silva – plasma a grande capacidade que temos as mulleres para, cun orzamento do máis axustado, crear pezas de grande calidade artística”.

También te puede interesar