Vigo al minuto

Traballadores de mantemento de Parques e Xardíns protestan durante o Pleno do Concello

Imaxes:vigoalminuto/O persoal de  Valoriza, concesionaria do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo, seguiu este mércores coas mobilizacións ante os “reiterados incumprimentos da dirección, que se nega a facilitar a información que solicita a representación do persoal e está a levar a cabo cesión ilegal de traballadores”.

As protestas tiveron lugar mentres se celebraba o Pleno do Concello: parte dos traballadores amosaron uns cartaces nos que podía lerse ‘Menos horas extras, máis contratación’, e outra parte protestaba no Praza do Rei, á entrada do Concello.

A plantilla denuncia que Valoriza négase a facilitar información económica, de absentismo ou sobre os contratos, tal e como establece o artigo 64 do Estatuto dos Traballadores. Ademais, está a facer cesión ilegal de traballadores  obrigando a un condutor de camión a trasladarse até o concello de Poio, onde a empresa ten outra concesión. “E cando o presidente do comité lle dixo á dirección que non podían facelo cambiaron o condutor e mandaron outro no seu lugar”, critican. Diante disto, presentaron reiteradas denuncias diante da Inspección de Traballo, que instou a empresa a informar ao comité, “pero seguimos agardando”.

Ao mesmo tempo, a representación sindical denuncia o deterioro do servizo como consecuencia da falta de persoal, até o punto de que a empresa está a utilizar a xardineiros como socorristas nas piscinas para non ter que contratar máis empregados.

“Hai zonas verdes sen matemento e sen regar axeitadamente” como consecuencia da falta de contratación, circunstancia que está detrás do peche dunha das piscinas de Samil. “Non é por unha avería como din os responsábeis municipais, senón que se debe a que non queren contratar ás tres persoas que serían necesarias para mantela aberta”.

También te puede interesar