RGPD - Cookies
Galicia Sucesos

O 061 atendeu a 218.118 persoas ata xuño e respostou a 553.596 chamadas dende o comezo deste ano

O 061 incrementou o número de servizos xerados polas chamadas de usuarios en 851 ao longo do primeiro semestre do ano 2017. Deste xeito, entre os meses de xaneiro e xuño deste ano, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistrou 218.118 procesos asistenciais, fronte aos 217.267 procesos atendidos no mesmo período do ano anterior.

A Central de Coordinación do 061 atendeu 553.596 chamadas ao longo do primeiro semestre, o que supuxo unha media diaria de arredor de 3.050 e preto de 92.300 ao mes. Estas cifras significan un descenso respecto de 2016 -no que se atenderon 590.326 chamadas-.

Os datos rexistrados sobre a actividade deste servizo amosan que entre xaneiro e xuño de 2017 incrementouse o número de recursos mobilizados cun total de 181.668 -tendo en conta que para a resolución dun mesmo proceso pódense mobilizar varios recursos asistenciais-, fronte aos 172.278 recursos mobilizados no mesmo período de 2016. Esta cifra supón un aumento do 5,45 %.

Por último, a resolución dos procesos realizouse a través do desprazamento e atención no punto das unidades asistenciais de soporte vital avanzado -ambulancias e helicópteros medicalizados- e de soporte vital básico -ambulancias asistenciais- de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ou de visitas domiciliarias de médico ou enfermeiro de Atención Primaria.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de asistencia sanitaria máis valorado polos cidadáns e o encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias en Galicia as 24 horas, os 365 días do ano.

También te puede interesar