Galicia

Os gandeiros de leite galegos están a cobrar 7 millóns de euros menos respecto aos seus homólogos europeos

O Sindicato Labrego Galego pide que se investigue o acordo entre Industrias Leiteiras como Lactalis e o resto das que operan en Galicia para pagar menos o leite ca no resto do estado e nos países do contorno.

No último mes as industrias que renovaron contratos -Lactalis, Reny Picot ou Capsa-, acordaron prezos para os próximos meses que curiosamente, despois de aplicar diferentes fórmulas, acaban sendo practicamente idénticos e non reflicten as subas que se estiveron a producir nos productos lácteos industriais nos últimos meses nin nos prezos pagados noutras zonas produtoras.

As gandeiras e gandeiros galegos viron en maio, último mes que se recolle no Observatorio de prezos da Xunta, nun escenario de suba continua dos prezos dos produtos lácteos, incomprensiblemente como novamente o prezo medio baixaba dos 30 céntimos por litro.

A situación vira aínda máis dramática para os que entregan menos de 100.000 quilos, con prezos medios de 26, 36 céntimos por litro, 28,01 céntimos nas granxas entre 100 e 200.000 quilos, ou 28,88 céntimos os de menos de 300.000 quilos. Hai que lembrar que a maioría das produtoras e produtores galegos están nestas franxas de produción.

No mesmo período o prezo medio europeo foi de 32,36 céntimos/ litro, esta diferencia de case 3 céntimos multiplicada por arredor de 234.000 toneladas que Galicia por mes faría que polo mesmo produto a xente gandeira galega perciba aproximadamente 7 millóns de euros menos mensuais.

Habitualmente as produtoras e produtores teñen que asumir baixas co pretexto de que diminuíron os prezos dos produtos industriais pero neste caso a suba continua da manteiga e do resto de lácteos serviu para que os prezos medios europeos subiran un 25% nun ano, unha suba que apenas incidiu no agro galego.

Moitas veces tamén se emprega o argumento para a baixa as tendencias noutros países produtores, en concreto e de xeito fundamental os prezos en Francia e en Alemaña. Neste caso este criterio tamén deixou ser importante dado que os prezos a alza, en concreto de media 33,83 céntimos en Alemaña no mes de maio ou 32,43 céntimos en Francia no mesmo mes, tampouco se traduciron en alzas para o sector produtor galego.

“Preguntámoslle ao presidente da Xunta como se explica que na lexislatura do rural as industrias podan extorsionar ás produtoras e produtores con tal impunidade ou que se pague o leite en Galicia menos ca en calquera outro lado? Onde están os servizos da competencia para tomar medidas e acabar con estas condicións abusivas? Que foi do acordo lácteo e canto nos están a costar todas as fotografías e reunións que andan a montar sen que haxa ningunha medida real que mellore a situación das granxas? Canto diñeiro público están a recibir as tan cacareadas organizacións de productores lácteos que só serviron para venderlle ao sector outra falsa solución como os contratos sen prezo ou o tan “histórico” acordo lácteo segundo o presidente da Xunta de Galicia?”

También te puede interesar