Comarcas Vigo al minuto

@depo_es destina 360.000€ máis do ‘Plan Concellos 2017’ a Gondomar, Moaña e Mondariz

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o investimento dun total de 360.000€, con cargo ao Plan Concellos, en Gondomar, Mondariz e Moaña.

Cun importe total situado en 263.202,28 euros, o Concello de Gondomar poderá desenvolver diversas actuacións en materia de seguridade viaria e reparación de camiños, cunha achega valorada en 134.419,05 euros e, ademais, a mellora de camiños en Igrexa e en San Martiño (Borreiros), por valor de 128.783,23 euros.

Con estas novas aprobacións, sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, “ata o momento xa se aprobaron máis de 600.000 euros para Gondomar ao abeiro do Plan Concellos 2017”, un investimento total de 611.446,28 € que supón que “a porcentaxe total adxudicada ata hoxe se sitúa no 65%”. Este ano, Gondomar recibe un total de máis de 940.000 euros no Plan Concellos, un 7% máis de recursos en comparación co ano pasado (4 puntos máis que a media provincial, cuxo incremento se sitúa no 3%).

Polo que se refire ao Concello de Moaña dentro o “Plan Concellos 2017”, a institución provincial destina 30.000 euros para impulsar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética na estrada PO-551 (Tirán) e, ademais, outra axuda de 21.000 € que o concello de Moaña empregará para realizar a demolición e o acondicionamento dunha parcela en Ramón Cabanillas.

Anteriormente Moaña xa recibira 533.380,13 € para o arranxo das fachadas do CEIP Reibón, o acondicionamento da antiga Casa do Concello e da Praza de Abastos, a reforma do centro cultural Daniel Castelao, a adquisición dunha embarcación semirríxida que empregará nas labores dos seus servizos de salvamento e socorrismo, o acondicionamento das instalacións deportivas municipais, para a reforma dos seus centros escolares e para realizar unha serie de melloras no barrio do Real, a través da liña 1. Ademais, 144.811,23 euros para facer fronte a gastos correntes en liña 2 e, por último, 217.210,14 euros para a contratación de 29 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Moaña xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 77,3% do total de investimento que lle corresponde dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 746.401,50 € dun total de preto dun millón de euros.

En Mondariz, a institución provincial achegará a cantidade de 46.965,03 €, en primeiro lugar, para o financiamento das obras de reparación na Escola de Redo de Vilar e, por último, outra achega de 11.064,40 euros para instalar unha cámara negra no auditorio do Centro Social de Mondariz.

Ao abeiro do “Plan Concellos 2017”, anteriormente a institución provincial xa destinara a Mondariz 160.676,46 euros na liña 1 para o financiamento da pavimentación de camiños e mellora de accesibilidade e de seguridade viaria en varias rúas, da pavimentación de camiños nas parroquias de Gargamala e Sabaxáns, da mellora do camiño Casares, do deseño e instalación dun quiosco de madeira na contorna da praia fluvial de Ceo, da adquisición dun entarimado para o palco municipal e da adquisición dun equipamento informático composto por catro torres con catro monitores e, ademais, unha impresora multifunción. Por outra banda, 16.810,78 € en liña 2 para actividades como a Feira do pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son ou o cine de verán na rúa e, finalmente, outros 113.116,61 € para a contratación de 17 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Mondariz xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 69,3% do total do investimento que lle corresponde dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 348.633,28 euros dun total situado por enriba dos 500.000 €. Este ano Mondariz recibiu, ademais, un 8,5% máis do que percibiu a través do “Plan Concellos 2016”.

También te puede interesar