Vigo al minuto

O Pergamiño Vindel chega a Vigo dende Nova Iorque logo de sete séculos de andaina

O Pergamiño contén sete cantigas de amigo de Martín Códax e, en virtude do acordó asinado este venres entre o Goberno de Galicia e a Universidade de Vigo, dende o mes de outubro poderá visitarse no Museo do Mar.

Segundo salientou o alcalde, deste xeito é posible o “reencontro cunha parte central da cultura en Galicia, España e Europa porque se trata do pergamiño civil con poesía musicada máis antigo na civilización occidental”.

Abel Caballero salientou hoxe os “sete séculos de andaina” deste manuscrito orixinal do século XIII que “”retorna, porque necesariamente tiña que estar aquí, porque as cantigas falan do mar de Vigo, falan da forma de entender o amor desde Vigo e desde o mar”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, cualificou este fito como “moito máis que unha exposición bibliográfica, un proxecto de país”. Neste sentido, explicou que na exposición o Pergamiño Vindel estará acompañado doutras importantes pezas que axudarán a contextualizar e pór de relevancia a súa importancia no marco da lírica medieval galego-portuguesa, berce das nosa literatura e tradición musical culta, ademais de ser un fenómeno estudado en profundidade dentro e fóra das nosas fronteiras.

O conselleiro rematou a súa intervención lembrando unhas palabras de Ramón Piñeiro pronunciadas no seu ingreso na Real Academia Galega: “o pobo é a unidade natural de convivencia, a cultura é a súa forma e a lingua é o seu vehículo.”

O Pergamiño Vindel será exposto no Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, un lugar idóneo tanto polas súas condicións técnicas –que foron validadas pola Morgan Library Museum, onde permanece depositado o pergamiño– como pola súa situación, na entrada do mar de Vigo que inspirou as sete cantigas de amigo que Martín Códax plasmou no Vindel.

Ao seu carón, poderanse contemplar unhas 40 pezas de relevancia histórico-cultural datadas entre os séculos XII ao XV, distribuídas nas sete partes que conforman a mostra – comisariada por Francisco Singul- e que se corresponden coas sete cantigas recollidas no pergamiño. A mostra estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018.

También te puede interesar