RGPD - Cookies
Vigo al día

Rematada a primeira fase de humanización da rúa doutor Corbal que levaba «cen anos» sen mellora algunha

O alcalde ‘inaugurou’ este xoves a primeira  fase da humanización da rúa doutor Corbal, entre Sanjurjo Badía e Camiño Maceiras, remodelación que contou cun orzamento de preto de medio millón de euros.

Abel Caballero amosou durante a visita a súa «satisfacción» pola reforma desta rúa «moi importante», que estaba nun estado «case que marxinal» tras «cen anos» sen ningunha actuación. A reforma da parte alta de Teis é un «gran obxectivo» do goberno da cidade, salientou Caballero.

A humanización ten algúns elementos singulares, como o aumento de espazo peonil fronte ao colexio San Xosé da Guía, onde o Concello instalou unha estación metereolóxica con fins didácticos que enviará información ao nomeado centro educativo. Ademais, unha das sinais verticais que advirte dun paso de peons presenta iluminación LED.

O Goberno local  quixo coa reforma homenaxear á figura de Cesáreo Corbal: unha placa de bronce recorda ao coñecido como o «médico dos pobres», doutor que desenvolveu a súa laboura profesional en Teis e que atendía desinteresadamente á xente sen recursos. A placa leva unha imáxe do doutor Corbal e unha breve biografía.

A humanización abrangue novas beirarrúas de granito e nova calzada e a renovación de máis de medio quilómetro de canalizacións de saneamento, abastecemento de auga e pluviais. O Concello tamén incorporou unha nova rede de alumeado e o soterramento das redes aéreas de telecomunicacións e a rede eléctrica, xunto con novas papeleiras, bancos, xardineiras, árbores, un sistema de rego automático e farolas con ópticas LED. Os semáforos do cruce con Sanjurjo Badía integran o sistema acústico para invidentes, activable por bluetooth ou mando a distancia.

También te puede interesar