Comarcas

@depo_es aproba un investimento de 63.000€ en @AsNevesConcello

O alcalde de As Neves, Xosé Rodríguez Méndez, e a presidenta da Deputacion, Carmela Silva/Imaxe:vigoalminuto

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao concello das Neves no marco do “Plan Concellos 2017”, dentro da súa liña 1 de investimentos, e que suman un total de 62.891,33 euros para a vila do Condado.

Deste xeito, As Neves recibe en primeiro lugar 41.891,33 euros para a instalación de sinais informativas e, pola outra banda, unha achega de 21.000 euros que permitirán realizar melloras nas comunicacións do cadro da estación de tratamento de augas potables e unha interconexión entre os distintos depósitos de auga que a conforman.

Ao abeiro do “Plan Concellos 2017”, anteriormente a institución provincial xa destinara ás Neves  156.000 euros en liña 1 para proxectos como a mellora da pavimentación de camiños nas trece parroquias que compoñen o concello. Ademais, outros 33.563,47 € en liña 2 destinados ao financiamento dun proxecto de posta en valor dos recursos turísticos da vila, da Feira do Requeixo e do Mel, da Festa do Viño Tinto e para diversos gastos correntes e, por último, 112.296,81 € en liña 3 cos que As Neves puido contratar a 16 persoas que están a desenvolver as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, As Neves xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 68,6% do total do investimento que lle corresponde dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 364.751,61 euros dun total de máis de 530.000 €.

También te puede interesar