Galicia

Delegados da CIG ocupan as oficinas da UTE da ponte de Rande para esixirlle o cumprimento das condicións laborais na obra

Arredor dun cento de delegados da CIG ocuparon hoxe as oficinas provisionais da UTE Dragados-Grupo Puentes, que acomete os traballos de ampliación da ponte de Rande, para esixirlle o cumprimento das condicións laborais e de seguridade tras a recente morte dun operario.

Coa acción reividicativa a central forzou unha reunión cos responsábeis da empresa e logrou o compromiso de que se traballarán oito horas e que o abono de salarios será mensual e por nómina, para evitar excesos de xornada e que se sigan a pagar por hora e a un prezo de 7€  a hora.

Esta nova mobilización da CIG para denunciar a explotación laboral nesta obra pública iniciouse pouco antes das 11:00 horas coa entrada dun pequeño grupo de delegados -a cuxa cabeza se atopaban o comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, e os nacional e comarcal da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón e Carlos Méndez- no interior das oficinas provisionais que a UTE ten nas plantas superiores dunha cafetería situada a carón da gasolineira de Rande, en Cabanas (Redondela).

Mentres, o grupo máis numeroso permanecía concetrado ás portas do edificio, onde se despregaron varias faixas contra a explotación laboral e e fraude á Facenda e á Seguridade Social que están a cometer as compañías encargadas dos traballos de ampliación da ponte.

Alí permaneceron ate pouco despois das 12.00 horas, cando rematou a xuntanza que mantiveron o xerente e o responsábel de saúde laboral da UTE cos representantes sindicais que accederon ao interior das oficinas. Tanto a entrada como a permanencia nas instalacións transcorreu sen ningún tipo de incidente.

También te puede interesar