O Concello volve organizar este verán recreacións da vida romana na Vila de Toralla. Todos os xoves de xullo e o 3, o 17 e o 24 de agosto se representarán escenas-dende as 8 da tarde e durante dúas horas– como a celebración dunha voda na antiga Roma, a venda de escravos ou unha loita entre gladiadores. Ademais, o 11 de agosto, o Centro de Interpretación do Mundo romano sumarase á celebración da Noite Branca, con programación desde ás 8 da tarde ata as 2 da mañá.
Para promocionar esta actividade divulgativa, algúns dos actores repartirán información sobre esta festa romana na praia de Samil, os mércores 12 e 26 de xullo e máis o 9 de agosto, entre ás 18,00 e ás 19,00 h.
Os visitantes que acudan á Vila Romana de Toralla para as representacións serán recibidos nas escaleiras con pétalos de flores. Nas ruínas mostrarase a vida na vila romana, onde cada personaxe interpretará o seu oficio. O patricio e a súa muller recibirán aos invitados á voda, que se representará no escenario cunha cerimonia oficiada por unha sacerdotisa, co banquete, unha venda de escravos, baile e loita de gladiadores.
O alcalde e a tenente de alcalde e edil de Patrimonio Histórico, Carmela Silva, visitaron este martes o Centro de Interpretación do Mundo Romano, na vila romana de Toralla que, coma salientou o alcalde, “é unha xoia do patrimonio histórico vigués”. Abel Caballero, lembrou “a cultura romana en Vigo tivo tanta vida”, con restos que evidencia un asentamento romano “certamente importante” neste territorio.