Comarcas Vigo al minuto

@carmelasilva presenta en Vigo unha nova edición de @portAmerica

A presidenta da Deputación de Pontevedra presentou este martes en Vigo unha nova edición dun dos #RíasBaixasFests máis populares: o PortAmérica, que este ano vive a súa primeira edición no seu novo fogar ao pasar a integrarse no marco do Cultura Quente no concello de Caldas de Reis.

Carmela Silva salientou que Caldas é “un concello espectacular, que conta con recursos naturais como a súa marabillosa carballeira que fala da nosa tradición, ademais dun produto termal moi relevante e un moi bo ambiente grazas a unha veciñanza espectacular”.

Nesta vila, dende este ano teñen lugar dous festivais nun, xa que PortAmérica pasa a formar parte da programación que se desenvolverá ao longo da primeira quincena de xullo ao abeiro de Cultura Quente. Silva adiantou que “estaremos alí para desfrutar e para ser felices”.

A presidenta lembrou que “a Deputación de Pontevedra apoia estes festivais porque reúnen a cultura, a música, o talento e a creatividade, que fan de nós unha provincia referencial nun eido moi relevante”. Deste xeito, Cultura Quente e PortAmérica achegan “unha inmensa potencialidade de actividade económica e de creación de emprego, para converter as Rías Baixas nun referente” e por iso, explicou a Presidenta, “apoialos non ten prezo”. “Unha Administración rigorosa, que sabe onde ten que apostar, ten que apoiar PortAmérica”, explicou.

Carmela Silva lembrou que “ademais, PortAmérica é un #RíasBaixasFest único porque fala de nós, da nosa xente, de todo o que somos capaces de ofertar e de ser” e sinalou o seu carácter “vangardista, porque sempre avanza e este ano fai algo que é por onde vai o mundo: a economía circular, que é o futuro da economía do mundo”.

De novo, a presidenta do organismo provincial sinalou o compromiso social do Festival e asegurou que “faino dende varias propostas: unha delas medioambiental, cun enorme compromiso como é a forma na que tratamos os residuos que xeramos”, que se integra dentro dos eixos transversais da campaña da Deputación de Pontevedra nos #RíasBaixasFests este ano, xunto coa estratexia en torno á Igualdade pola que “os e as promotoras deste festival teñen un compromiso para que o discurso da Igualdade acade un peso importante nel”, en definitiva, “un compromiso co mundo que queremos construír”.

Tamén neste eido do compromiso social, subliñou “algo único, que é o compromiso coa accesibilidade universal” do PortAmérica, que permite que “as persoas con diversidade funcional e mobilidade funcional poidan asistir”. Para a presidenta provincial, “hoxe non se entende un mundo no que todas as persoas non teñan igualdade de oportunidades para poder desfrutar con algo que as fai felices”.

Carmela Silva salientou a alta calidade do cartel musical da sexta edición de PortAmérica, que se desvelou ao completo por primeira vez hoxe e que está encabezado por consagrados e consagradas artistas dos panoramas galego, estatal e internacional da altura de Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, The Horrors, Leiva ou Quique González, entre moitas outras propostas.

Ademais, a presidenta provincial valorou moi positivamente o papel que se lle vai dar á gastronomía na programación de PortAmérica, na que resalta o show rocking “Cociñando na fin do mundo”. Nel, durante os tres días que durará o festival, 31 chefs internacionais con 10 Estrelas Michelín (entre elas, as dos pontevedreses Yayo Daporta e Javier Olleros) e baixo a organización de Pepe Solla realizarán pinchos creados expresamente para o festival, ademais de contar con novas promesas ao incorporar a estudantes das escolas de gastronomía galegas. Deste xeito, sinalou Carmela Silva, “a programación de PortAmérica e todo o que o arrodea son un auténtico luxazo”.

También te puede interesar