Vigo al día

Galicia exportou no que vai de ano produtos por valor de máis de 7.000 millóns, preto dun 11% máis que o ano pasado

Segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, as vendas ao exterior desde Galicia medraron un 10,8% de xaneiro a abril con respecto ao mesmo período do ano anterior: en total exportamos 7.052,7 millóns de euros no que vai de ano, o que supón a cifra máis alta rexistrada nun primeiro cuadrimestre.

Tal e como sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o Goberno  galego seguirá apoiando o esforzo e os resultados positivos que está a ter o tecido empresarial. Así, subliñou que “se seguirá traballando apostando pola internacionalización e por abrir novas oportunidades de negocio”

Segundo os últimos datos, Galicia logrou no que vai de ano a segunda mellor balanza comercial do Estado, sumando 1.394,4 millóns de euros.

Neste primeiro cuadrimestre, destacan os incrementos de sectores como o metalúrxico, cun 22,8%; o do moble, cun 20,1%; a industria agroalimentaria, que sobe un 13,1%, ou o téxtil, cun 10,6%. Ademais, o sector naval logrou exportar 267,8 millóns de euros.

Por áreas xeográficas, aumentan as exportacións a América Latina nun 87,2%; a Bélxica, cunha suba do 29,7%; a Marrocos, cun 24,5%; a Italia, cun 12,4%; ou a Xapón, cun 10,9%.

También te puede interesar