Galicia

Desde este sábado 1.669 persoas participan nas probas de acreditación da lingua galega

A convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega nos niveis 1, 2, 3 e 4 do ano 2017 empezou este sábado e nela está previsto que se examinen 1.669 persoas matriculadas, das cales 1.444 participarán nas probas de Santiago de Compostela e 225 en Ponferrada. Farano, por niveis, 67 persoas no Celga 1 (65 en Santiago e 2 en Ponferrada); 276 persoas no Celga 2 (254 en Santiago e 24 en Ponferrada); 418 persoas no Celga 3 (368 en Santiago e 50 en Ponferrada); e 908 no Celga 4 (759 en Santiago e 149 en Ponferrada).

En Galicia, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o compostelán IES Antonio Fraguas acollerán durante esta fin de semana os exames correspondentes ao Celga 4 (hoxe) e ao Celga 2 (mañá, domingo), os mesmos centros nos que se desenvolverán durante a vindeira fin de semana as correspondentes ao Celga 3 (o sábado 17) e ao Celga 1 (o domingo 18). No caso de Ponferrada, todas as probas se realizarán na Escola Oficial de Idiomas.

Co fin da preparación das probas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreceu nos últimos meses cursos preparatorios específicos de cada nivel en diferentes concellos, no marco do Plan de formación do 1º semestre de 2017 e nos centros dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia, así como baixo a modalidade de teleformación no caso do Celga 1 e nas escolas oficiais de idiomas adscritas á Consellería de Cultura e Educación.

 O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación -aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas- e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

También te puede interesar