Galicia

Asociacións de toda Galicia en contra do proxecto de Protección Animal do Partido Popular

Unha ducia de asociacións protectoras de animais de toda Galicia veñen de enviar un comunicado aos medios de comunicación no que rexeitan o proxecto de Lei de Protección e Benestar Animal, do Partido Popular, que se debaterá no Parlameto de Galicia dende o mércores que ven, día 7 de xuño.

Estas asociacións denuncian que este proxecto “non só contravén e empeora a anterior lei 1/1993 na maior parte do seu articulado, senón que pretende facer negocio co abandono dos animais, non rematar co mesmo, promovendo a creación de centros autorizados, entregando estes servizos nas mans de empresas privadas, e poñendo paus nas rodas ás asociacións de protección e defensa animal e persoas individuais animalistas que levan anos deixándose a pel asumindo e facendo de forma altruísta e desinteresada o traballo que lles correspondía atender ás administracións e gobernos de turno”.

Á vista do mesmo piden a recuperación do anterior nome da lei 1/1993: Lei de Protección e benestar dos animais domésticos e salvaxes en catividade, de ámbito máis amplo, para non reducir a protección só aos de compañía.

Rexeitan a exclusión dos animais de autoconsumo, équidos, festexos taurinos e animais de experimentación do seu ámbito de regulación; rexeitan  atribuírlle aos alcaldes a responsabilidade, “consideramos que a Xunta, como ente administrativo máximo, ten que ser o que a represente, dotando aos concellos das partidas orzamentarias necesarias para a súa correcta aplicación”.

Amósanse en contra da prohibición de alimentar aos animais nos espazos públicos. “Esta medida condenaría a morrer de inanición a miles de animais en toda Galicia”; rexeitan  a obrigatoriedade de comunicar á concellería competente a tenencia ou posesión de máis de cinco animais pertencentes á especie canina e felina ou aqueloutras que regulamentariamente se determinen.

Ademáis, piden a identificación de todos os animais de compañía e non só a dos cánidos, “xa que o extravío e abandono de animais é unha realidade noutras especies o que facilitaría a súa recuperación e sanción en caso de abandono”; estiman que é “imprescindible” manter ou mesmo aumentar os tempos para recollida de animais abandonados xa que reducir os mesmos podería dificultar aínda máis a súa recuperación.

Rexeitan o uso e utilización de animais en espectáculos públicos e para traballos, sen matices nin autorizacións pertinentes; tamén amósanse en contra da catalogación como infracción moi grave a recollida de animais extraviados ou abandonados.

“Desexamos clarificar a diferenza entre sacrificio e eutanasia: o sacrificio de animais sans, nunca estaría xustificado, camiñando desta maneira facía o obxectivo desexado, “sacrificio cero”.

Por último, non están dacordo con que as asociacións de protección e defensa dos animais estean obrigadas a ser declaradas de utilidade pública. Tendo en conta que o peso da protección animal en Galicia descansa na súa inmensa maioría nas asociacións de protección de animais, non ten encaixe algún que se pretenda endurecer o seu estatus en lugar de favorecelo.

También te puede interesar