Vigo al minuto

Tres investigacións realizadas na Área Sanitaria de Vigo, premiadas pola Sociedade Española de Hipertensión

O doutor Juan Crespo, coordinador da área Sanitaria de Vigo deste proxecto

Tres comunicacións das cinco presentadas por Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo dentro do Proxecto Hygia á reunión nacional da Sociedade Española de Hipertensión, resultaron premiadas en distintos apartados como os mellores traballos.

A reunión, que este ano alcanzou a súa edición número 22, está considerada como a máis importante do Estado en referencia á hipertensión arterial, as súas consecuencias e as investigacións que se realizan sobre esa patoloxía.

Os comunicacións presentadas polo Proxecto Hygia baseáronse nas investigacións realizadas polos integrantes deste grupo durante os últimos dez anos e sobre un total de 18.000 pacientes. “Un número co que non conta ningunha outra no mundo”, sinala o doutor Juan José Crespo, médico de Atención Primaria e coordinador da EOXI de Vigo no proxecto.

O Hygia é un proxecto no que participan o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Vigo, a través da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación, e no que participan 292 investigadores de 40 centros clínicos, dos que un 70% son centros de saúde do sur de Galicia. O traballo de campo consiste na monitoraxe de pacientes  a través duns dispositivos que se lles facilita para medir a súa presión arterial durante 48 horas.

“A media do seguimento é duns cinco anos, o que supón un período suficiente para establecer conclusións”, afirma o doutor Crespo. A monitoraxe ambulatoria da presión arterial (Mapa) realízase tanto no caso de pacientes novos con hipertensión como naqueles que teñen factores de risco como diabetes ou enfermidade renal crónica, a fin de previr riscos cardiovasculares.

Conclusións

A principal conclusión que os investigadores obtiveron en todos estes anos de traballo é moi clara: os riscos cardiovasculares nos pacientes con hipertensión diminúen considerablemente se lles administra a medicación cando se deitan a descansar, en lugar de tomala cando se levantan.

Uns resultados que xa se avanzaron segundo coñecíanse os resultados parciais da observación dos pacientes nos últimos anos. De feito xa hai países que optaron por esta alternativa para medicar aos pacientes hipertensos. Os medicamentos demóstranse moito máis eficaces cando actúan durante o período de soño do paciente.

También te puede interesar