Comarcas Vigo al día

@ConcelloNigran inaugura, coa presenza dos fillos de Carlos Casares, unha exposición do escritor coma fotógrafo

O alcalde de Nigrán, Juan González, e os dous fillos de Carlos Casares, Hakan e Christian, xunto o director da Fundación Casares, Gustavo Garrido, inauguraron este sábado no Auditorio Municipal a exposición  ‘Carlos Casares e a fotografía”,  organizada co obxectivo de divulgar no municipio a figura deste escritor galego universal e veciño de Nigrán a quen se lle adica o Día das Letras Galegas 2017.

A mostra, organizada a través da Fundación Casares, profundiza a través de 30 imaxes nesta faceta artística relativamente descoñecida do autor, pero tan importante como relevante nalgunhas das súas obras literarias: a fotografía.

“De tódolos sitios onde viviu o meu pai Nigrán foi o único que elixiu libremente, sen ningún condicionante laboral ou de outro tipo, e no que sen dúbida foi más feliz”, resumiu o seu fillo Hakan, quen xunto a Christian comentou anécdotas e vivencias do seu pai no municipio, onde estivo asentado durante 22 anos- ata a súa morte no 2002-.

“Foi un dos veciños máis ilustres de Nigrán e descansa no seu cemiterio municipal desde hai quince anos, aínda que pervive en nos a través das súas obras, referentes da literatura galega universal. É un orgullo para o Concello lembrar a súa presenza, a súa calidade humana e o seu talento máis alá incluso do eido literario, como é o caso desta mostra”, resume o alcalde, Juan González.

A exposición, que estará aberta durante este mes de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, recolle imaxes tiradas polo propio Casares, así como outras nas que el mesmo aparece fotografado.

Trátase dun conxunto de obras relacionadas con ámbitos como o familiar, onde existen autorretratos e retratos dos seus fillos Hakan e Christian e a súa muller Kristina Berg; como fotografía de viaxes, unha actividade pola que o autor limiao sentía moito interese e que queda reflexada en imaxes por toda Europa e Norteamérica; ou de ámbito profesional, realizadas para unha obra de referencia como a Guía da provincia de Pontevedra, e nas que a súa temática xira en volta de aspectos culturais e tradicionais da nosa cultura -o entroido, petos de ánimas ou cruceiros-.

A mostra inclúe tamén unha parte importante da colección de cámaras fotográficas que posuía o escritor, moitas delas protagonistas tamén nas imaxes de autorretratos .

También te puede interesar