Comarcas

@Xunta remata a reforrma do carril bici Vigo-Baiona-A Guarda de 29 quilómetros de lonxitude

A conselleira de Infraestruturas asegurou este venres en Baiona que supuxo un “gran reto técnico” a reforma do carril bici entre Vigo, Baiona e A Guarda para “facer compatible, dun xeito seguro, o uso da vía por parte dos distintos usuarios que a transitan: vehículos, peóns e ciclistas, diferenciando, ademais os ciclistas turísticos dos deportivos”.

Ethel Vázquez supervisou o remate destas actuacións de mellora da seguridade viaria no carril bici nas estradas PO-552 e PO-325, nas que o Goberno de Galicia investiu 750.000€.

A conselleira, que estivo acompañada dos alcaldes de Baiona, Ángel Rodal, de Oia, Cristina Correa, e do Rosal, Jesús María Fernandez, salientou que as obras executadas recolleron as achegas formuladas polos concellos e a Federación Galega de Ciclismo, e foron avaladas pola Dirección Xeral de Tráfico. O obxectivo, dixo, era “reforzar a protección dos usuarios máis vulnerables: os peóns e os ciclistas”.

Nesta actuación levouse a cabo a remodelación dos 29 quilómetros do carril bici da PO-552, co fin de adecualo mellor aos seus distintos usuarios, para elo ampliáronse as beiravías, no lado do mar, facéndoas máis anchas para maior seguridade dos ciclistas deportivos; reduciuse lixeiramente o carril bici, respectando un ancho mínimo de 2,1 metros, converténdoo nunha senda mixta pola que poidan transitar, sen dificultades, peóns e ciclistas turísticos e tamén se incidiu na diferenciación visual desta senda mixta cun pavimento con cor.

Ademais, substituíronse os actuais separadores de formigón por outros de goma rebasables e máis estreitos, o que permite gañar espazo para a beiravía; retiráronse algúns separadores de goma no treito entre Vigo e A Ramallosa, na PO-325, en 12 quilómetros, para ampliar o espazo entre eles e mellorar así a manobrabilidade dos ciclistas deportivos.

Por último, incrementouse a sinalización para incidir na prevención de posibles riscos e sensibilizar tanto a condutores, como a peóns e ciclistas, da importancia de cumprir as normas de circulación e respectar aos demais usuarios da vía.

También te puede interesar