RGPD - Cookies
Galicia

@FeijooGalicia anuncia a convocatoria de axudas para formación de 11.250 desempregados

O presidente do Goberno de Galicia anunciou este xoves a aprobación das axudas para formación de desempregados en empresas, entidades sen ánimo de lucro e Concellos. Este programa contará cunha dotación de 48 millóns de euros para poñer en marcha 750 cursos para 11.250 persoas. Esta cantidade inclúe ademais os fondos para as bolsas dos asistentes aos cursos.

O presidente Feijóo repasou as principais novidades dos cursos: o aumento da ponderación dos cursos con maior inserción laboral; a reserva dun 10% do orzamento para a formación en competencias clave para aqueles sen estudos básicos; anticipos de ata o 60% da subvención; a incorporación de medios electrónicos á tramitación das axudas e a ampliación da súa duración ata un máximo de 12 meses, o que permitirá ofrecer unha formación máis completa. Isto é posible grazas a que o período de execución das axudas se amplía a dous exercicios, polo que os cursos non quedarán limitados á segunda metade do ano.

“Imos facer cursos axeitados ao que o mercado demanda, e o mercado demanda idiomas, TIC, finanzas, industria 4.0 e cuestións no eido xurídico e do funcionamento das Administracións”, indicou o presidente. “O 40% da xente que está no paro non ten estudos secundarios e este é o principal problema para atopar un traballo”, abundou.

Respecto ás bolsas, este ano simplifícase a súa xestión e prímanse as entidades que axuden a tramitar as solicitudes dos seus alumnos. Con 7 millóns de euros, pagaranse axudas de transporte, manutención e aloxamento, conciliación, bolsas para persoas con discapacidade e para mulleres vítimas de violencia de xénero. Feijóo tamén fixo fincapé na utilidade destes cursos: “o 56% da xente que fai estes cursos consegue un traballo nos 12 primeiros meses tras rematalo”.

A formación en entidades, empresas e Concellos complementa aos outros dous programas de formación para emprego. Por unha banda están os cursos que, por primeira vez, se ofertan en institutos e centros de FP, con ata 3.200 novas prazas a través do programa Cualifica FP. Pola outra, os cursos que ofrecen os 12 centros de formación da Consellería de Economía e Industria. En total, a Xunta oferta 1.035 cursos con 15.500 prazas, nos que inviste 61 millóns de euros.

También te puede interesar