Cultura

A Casa das Artes acolle as exposicións do XXI Maratón Fotográfico e II Concurso de Narración Fotográfica

Este xoves día 2 de febreiro, ás 8 da tarde, inaugúranse no primeiro andar da Casa das Artes –na rúa Policarpo Sanz- as  exposicións correspondentes ao “XXI Maratón Fotográfico Concello de Vigo” e mailo “II Concurso de Narracción Fotográfica Clínica Dra. Susana Santeiro”, que estarán abertas ata o vindeiro 12 de marzo.

O “XXI Maratón Fotográfico” está organizado pola Agrupación Fotográfica Galega, coa colaboración da Concellería de Cultura e da Clínica Dr. Susana Santeiro. O maratón tivo lugar o 10 e 11 de decembro pasados, con preto de 100 participantes que tiveron 24 h para fotografar catro temas: “Resplandor”, “Construindo”, “Clandestino” e “Oco”.

Como é costume, durante o acto de inauguración, o xurado dará a coñecer as persoas gañadoras dos premios estipulados nas bases e que se conceden á serie fotográfica: Primeiro premio: 1.000 €, Segundo premio: 500 € e Terceiro premio: 300 €

En canto ao “II Concurso de Narracción Fotográfica Clínica Dra. Susana Santeiro”, nesta segunda edición presentáronse un total de 70 participantes de España e Portugal, adquirindo por tanto repercusión internacional.

As bases do concurso estipulaban que se debería contar unha historia nun mínimo de dúas e un máximo de seis fotografías, creando unha secuencia de imaxes cun fío conductor que xenere un relato. Os premios, que se entregarán o día 9 de marzo, están dotados cun importe de: 1º Premio: 1.000 € + Diploma, 2º Premio: 500 € + Diploma, 3º Premio: 250 € + Diploma, Premio especial do público: 300 € + Diploma, 3 accésits: 50 € + Diploma, Premio de honra “Clínicas Dentais Susana Santeiro”: 300 €.

También te puede interesar