Comarcas

Remata a folga en Alonarti Envases logo da readmisión do empregado despedido

O cadro de persoal de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño, decidiu en asemblea desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado martes contra o despido dun compañeiro despois de que a dirección accedese a readmitilo.

O acordo entre a empresa e o comité -presidido pola CIG- foi posíbel despois de sete días de folga indefinida cun seguimento da totalidade dos traballadores de fábrica. A central decidiu convocar o paro en resposta ao despedimento dun afiliado “co que a empresa buscaba amedrentar o persoal de cara á inminente negociación do novo convenio colectivo”.

Unha vez que a compañía cedeu e anunciou a súa intención de readmitilo, os empregados decidiron nunha asemblea celebrada ás 2 e media da tarde deste luns, que abandonarían a protesta ás 10 e media da noite. Deste xeito, os traballadores da quenda de noite xa se presentaron no seu posto tras unha semana de ausencia na que permaneceron concentrados diante das instalacións situadas no polígono porriñés das Gándaras.

Ao empregado readimitido respectaránselle tanto as condicións laborais como a antigüidade, aínda que será trasladado de mutuo acordo a outro dos centros de traballo do grupo, que ademais se atopa máis preto do seu domicilio.

También te puede interesar