Comarcas

O Concello de As Neves retirou nos últimos catro meses máis dun cento de niños de vespa velutina

Nos últimos catro meses foron desactivados, inxectados ou retirados en As Neves máis de 100 niños deste depredador da abella europea que xa se considera especie invasora no noso país. Para levar a cabo estas tarefas, o Concello aportou a pértega e o insecticida ademáis de coordinar as diferentes actuacións.

Segundo subliña o Goberno local, “a colaboración cidadá é imprescindible, xa que son persoas voluntarias relacionadas coa apicultura e o medio natural, ou simplemente defensoras das abellas, as encargadas de completar o círculo e realizar o traballo de xeito totalmente gratuíto”.

Debido á gravidade do problema e para seguir mellorando no control e eliminación desta avespa, o vindeiro venres, día 13, as 8 da tarde, terá lugar no Concello unha reunión á que están convocadas tanto persoas do ámbito da apicultura como todas aquelas que queiran colaborar para erradicar esta praga.

A xuntanza servirá para valorar o traballo feito e compartir experiencias co fin de avanzar de cara á colocación de trampas prevista para os vindeiros meses, para a cal se precisa a axuda de máis voluntarios e voluntarias que se unan ao actual grupo de traballo.

También te puede interesar