En Marea afronta o debate orzamentario do vindeiro luns no Parlamento de Galicia dende unha posición de país que garanta os dereitos das maiorías sociais. Así o avanzou esta mañá Luís Villares despois da Xunta de Portavoces, tras cuestionar a decisión do Partido Popular de reducir todo o debate sobre os orzamentos do ano 2017 a unha única xornada, “un periodo escandalosamente breve para que a xente non coñeza cal é a verdadeira realidade das políticas do PP e evitar que se visualice a nosa alternativa que defende un crecemento sen renunciar a dereitos”.
Tanto a emenda á totalidade de En Marea, que propón un incremento de 750 millóns de euros, como as emendas parciais parten da defensa dunha alternativa ás contas da Xunta con prioridades irrenunciables: un Plan de Emerxencia Social, a loita contra a pobreza e a exclusión social, a mellora da sanidade pública, a recuperación do emprego loitando contra a precariedade laboral, a revitalización dos sectores primarios, o rescate do ensino público e a garantía de acceso á vivenda.
Para loitar contra a pobreza e a exclusión social En Marea propón 168 millóns de euros, para recuperar a sanidade 104, 75 para a dinamización dos sectores primarios e 65 millóns para revitalizar o emprego. “Os recortes non son obrigatorios, son unha opción ideolóxica do Partido Popular, que esta mañá volveu plasmar no DOG unha redución orzamentaria para o Plan Aluga. Entende o goberno da Xunta que en Galicia xa non hai familias sen recursos nin mozos e mozas que precisen axudas para emanciparse?”, reflexionou o portavoz do grupo parlamentario En Marea.
O portavoz do grupo parlamentario, Luís Villares, avanzou que En Marea só subscribiría un pacto de financiamento se as maiorías sociais saen gañando. “Teñen que darse dúas condicións: a obtención de recursos suficientes para satisfacer a prestación de dereitos fundamentais e servizos básicos para toda a poboación e un modelo fiscal que non imite outros modelos do Estado, senón que permita implementar unha axenda económica propia para dinamizar Galicia social, laboral e demograficamente ó mesmo tempo que se reforza o autogoberno”.