Comarcas

Catro concellos xa xestionan o saneamento municipal de forma integrada

Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova son os catro primeiros concellos da provincia de Pontevedra que xa dende hoxe dispoñen de ‘SANePLAN’, unha ferramenta informática que permite a xestión integrada do saneamento municipal.

Deputación de Pontevedra arrancou este martes unha xornada, dirixida ao persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente, na que se presentou a nova ferramenta, desenvolvida no marco do proxecto tamén denominado ‘SanePlan’ no que participa a institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a empresa italiana Physis SRL.

Trátase dun proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. A través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración.

A través desta aplicación prestarase cobertura ás necesidades de xestión destas redes e estacións e preténdese impulsar a planificación en función das necesidades actuais e previsións futuras. Así, será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custes e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional.

 

También te puede interesar