Vigo al minuto

O Grupo do PP no Parlamento de Galicia pide que Fomento e Audasa coloquen pantallas antirruido na ampliación da AP-9

O Grupo Popular no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento e á empresa Autopistas del Atlántico, S.A. (Audasa) que, no marco das obras de ampliación da AP-9 que se levan a cabo na entrada a Vigo, se proceda a cumprir co seu compromiso de instalar pantallas antirruído, naqueles puntos onde sexa necesario, de acordo coa normativa vixente, e se adopten medidas paliativas que minimicen o impacto da autoestrada e melloren a compatibilidade desta infraestrutura coa contorna construída e co día a día dos veciños.

O deputado popular Alberto Pazos considera necesario que “se adopten as medidas necesarias que palíen as molestias que a AP-9 lles ocasiona aos cidadáns”. Neste sentido, apunta que “este é o momento máis acaído, xusto cando se están a levar a cabo as obras de ampliación da capacidade da AP-9”.

Pazos lembra que Audasa “comprometeuse directamente co Concello de Redondela a realizar as actuacións paliativas necesarias para minimizar o impacto da infraestrutura ampliada, especialmente a contaminación acústica, que afecta especialmente aos veciños de Teis e de Chapela deste municipio”.

“As obras de ampliación entre os enlaces de Cangas e Teis da AP-9 que se están a realizar conlevarán un incremento do nivel de ruídos que padecen os veciños como consecuencia de que a circulación dos vehículos se situará máis próxima ás vivendas e do probable incremento do tráfico pola autoestrada”, indicou.

O deputado popular salienta que a ampliación da AP-9 “mellorará tanto o acceso como a saída de Vigo, reducindo os problemas de tráfico existentes na actualidade e reforzando a seguridade dos condutores, pero leva aparellado o incremento das molestias causadas polos ruídos aos veciños da zona, algo que a concesionaria comprometeuse a solventar e que consideramos necesario que o Parlamento galego se pronuncie sobre este tema”.

También te puede interesar