RGPD - Cookies
Galicia

A Xunta investirá máis de 13 millóns de euros para reforzar a investigación e incorporación de talento nas universidades galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recoñecer cinco centros singulares de investigación e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas, que constitúen os maiores motores da I+D+i no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia destinará máis de 13 millóns de euros ata 2019 a estas unidades de referencia do sistema galego de investigación co obxectivo de, por un lado, recoñecer o importante esforzo realizado no ámbito científico por estes entes e, por outra banda, para impulsar e fortalecer a súa capacidade de investigación, así como a súa posición internacional en base ao impacto que xeran os seus resultados.

En concreto, son cinco as estruturas que reciben o selo de “centros de investigación singulares de Galicia”: o CIQUS e o CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CITIC da Universidade da Coruña e, por parte da Universidade de Vigo, as unidades acreditadas son o CINBIO e o ECIMAT.

En canto ao investimento, a primeira anualidade está dotada dunha contía máxima de 400.000 euros por centro, mentres que a segunda, terceira e cuarta ascenden a 800.000 como máximo.

Pola súa banda, o CITIUS da USC e mais o AtlantTIC da UVigo foron acreditados como “agrupacións estratéxicas consolidadas”. A primeira anualidade está dotada con 200.000 euros como máximo e para os tres seguintes anos asígnanse 400.000.

Trátase de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional outorgadas pola calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar a obtención de retornos sociais nun prazo medio e longo.

También te puede interesar