Comarcas

@ConcelloNigran instala dous deshumidificadores industriais para preservar o arquivo municipal

O Concello de Nigrán acaba de instalar dous deshumidificadores industriais cun custo de algo máis de 6.300 euros que garantirán unha óptima conservación do arquivo municipal ubicado no sótano -2 do edificio consistorial novo, onde tivo que situarse debido á escasez de espazo na parte antiga.

A existencia dunha corrente de auga subterránea no subsolo desta pranta implica a necesidade permanente dun bombeo, sendo as condicións de humidade no recinto moi elevadas. Os informes técnicos da empresa contratada ao efecto sinalan que o problema desaparecerá cos novos aparatos, xa instalados e cunha capacidade de extracción de 61 litros en 24 horas tras engadírselle unha bomba para desagüe de condensación.

“O arquivo ten un valor importantísimo, nel se conservan documentos de todo tipo que recollen a historia de Nigrán e os seus veciños, é a nosa obriga preservar todo ese material nas mellores condicións. Queremos poñer en valor o espazo e animar a investigadores a consultalo, seguro que atoparán material moi valioso que contribuirá a divulgar a nosa historia”, explicou o alcalde da vila, Juan González.

También te puede interesar