Vigo al minuto

@amnistiaespana recolle firmas en Vigo a prol dos protagonistas da campaña #PersoasPorPersoas

Miles de activistas en todo o mundo actúan por persoas en risco inminente de violación dos seus dereitos humanos. E, con motivo o 10 de decembro do Día Internacional dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional Vigo participa na campaña #PersoasPorPersoas, unha iniciativa mundial que denuncia as ameazas, o encarceramento inxusto, a discriminación ou a intimidación que sofren persoas con nome e apelido que se atopan en risco inminente. A campaña busca dar visibilidade ás súas situacións e lograr avances concretos nos seus casos.

En España, Amnistía Internacional denuncia os casos de Annie Alfred, vítima da superstición e a maxia en Malawi polo mero feito de ser albina; Máxima Acuña, atacada por defender a terra e o medio ambiente en Perú e Eren Kesin procesada máis de 100 veces en Turquía por alzar a voz contra o goberno. Nos tres casos esíxeselle aos respectivos gobernos que protexan as tres vítimas da violencia, o acoso e a intimidación.

En Vigo farase un acto de rúa con recollida de firmas no que o artista Carlos Tomico realizará un espectáculo de maxia, en alusión ao caso de Annie Alfred, a nena albina que está en risco porque hai xente que cre que o seu corpo ten poderes máxicos, e pensa que non é humana. Será na Praza de América este sábado 10 de decembro de 11.30 a 14.00 horas.

Na anterior campaña do mesmo nome do ano pasado participaron centos de miles de persoas de máis de 200 países e territorios. Enviáronse máis de 3,7 millóns de cartas, mensaxes electrónicas, SMS, faxes, tuits e comunicacións similares, e converteuse na campaña de dereitos humanos máis grande do mundo. As firmas contribuíron a lograr grandes vitorias en materia de dereitos humanos en todo o mundo.

También te puede interesar