Cultura

Descubren no xacemento da Lanzada un puñal que podería ser do século IV a.C.

lanzada-punal

O persoal da Deputación de Pontevedra encargado da escavación da Lanzada achou un puñal que podería pertencer ó século IV AC ou incluso a un período anterior. En concreto, o equipo de especialistas da institución provincial formula na actualidade dúas posibilidades sobre este obxecto: ou ben que sexa un puñal de antenas de tipo Lebosandaus, moi común na Idade de Ferro en Galicia e na Meseta, ou ben que sexa un puñal da Idade do Bronce final de tipo chipriota.

Os especialistas aseguran que a situación do puñal é unha novidade porque que se ben nos anos 70 do século pasado apareceron xa dous puñais asociados a cabanas, neste caso o achado tivo lugar nun espazo alleo ás residencias. De feito, o persoal da Deputación de Pontevedra que traballa no xacemento da Lanzada cree que o puñal é unha especie de reliquia que quizais se situou nese espazo concreto por unha cuestión votiva.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por este último achado que confirma as expectativas formuladas no inicio respecto a este xacemento. Os traballos no campo da Lanzada continuarán ata o mes de xaneiro debido ós materiais que están a aparecer a diario no xacemento.

Desde o comezo da intervención na Lanzada atopáronse unha grande cantidade de vestixios do noso pasado. En concreto, acháronse un total de 15 esqueletos, varias fíbulas e restos de media ducia de “sigilitas” gravadas que segundo o equipo de especialistas da Deputación, pese a ser habitual a súa aparición non o é a grande cantidade de pezas achadas, o que pon de manifesto, unha vez máis, a orientación comercial do asentamento da Lanzada.

También te puede interesar