Vigo al día

Centos de xubilados saen á rúa en defensa das súas pensións

concentracion-jubilados-00

Centros de xubilados e pensionistas da CIG comezaron este xoves con concentracións en oito cidades galegas unha campaña para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de mobilizarse en defensa do sistema público de pensións, do seu poder adquisitivo e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional.

 

Nas distintas concentracións convocadas, ás que se sumaron no caso de Pontevedra e Vigo emigrantes retornados, fíxose un chamamento tanto a quen xa son xubilados como ao resto de sectores para que se mobilicen diante da inminente reforma das pensións.

Este colectivo denunciou que todas as informacións que poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións, a capacidade para pagar aos pensionistas actuais nos próximos anos ou mesmo a posibilidade de manter as pagas extraordinarias son “as mesmas mentiras de sempre, que teñen como obxectivo xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións para favorecer os plans privados dos que se enriquece as grandes empresas e bancos que as xestionan”.

concentracion-jubilados

Galicia ten pensións por debaixo da media

O Colectivo de Xubilados e Pensionistas denuncia que nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o importe nominal das pensións ou fíxose por baixo da inflación, chegando a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC até que no ano 2013 se procedeu a anulación desta lei.

Para o colectivo, estas políticas provocan “un empobrecemento maior dos pensionistas, xa que case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo”. En Galicia a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media estatal.

También te puede interesar