Cultura

Os restos óseos de dous nenos atopados no xacemento da Lanzada, dos séculos I e II D.C.

lanzada-excavacion-bebe-02

A Deputación de Pontevedra vén de obter os resultados das probas do carbono 14 realizadas a varios dos restos atopados na escavación arqueolóxica do Campo da Lanzada, en Sanxenxo, no laboratorio ‘Beta Analytics’ de Miami. Estas probas sitúan a dous dos nenos atopados entre os séculos I d.C. (o máis próximo ao de ‘Cornelia’) e a outro dos pequenos no século II d.C.

Ata o momento o equipo de Arqueoloxía da institución provincial xa atopou no Campo da Lanzada un total de 15 corpos, 11 deles correspondentes a nenos e nenas, 3 a persoas adultas e, ademais, os restos dun can. Estas probas sinalan, á vez, que todos eses 11 nenos e nenas atopados tiñan menos dun ano de idade no momento de falecer.

Malia a isto, a Deputación de Pontevedra volverá remitir máis probas a este mesmo laboratorio para confirmar a análise feita aos restos da muller coñecida como ‘Cornelia‘. Isto é así porque a proba sinala que ‘Cornelia’ pertence ao século V d.C., pero considérase que debido á súa dieta cun alto consumo de mariscos e de peixe isto resultou nunha alta presenza de coláxeno, o que puido producir unha variación analítica nos seus ósos.

Por este motivo, o equipo de Arqueoloxía da institución provincial remitirá de novo ao laboratorio máis ósos que permitan concretar unha data, vista a disparidade entre as obtidas nas análises realizadas e ‘Cornelia’ e ao resto de corpos atopados no xacemento arqueolóxico.

También te puede interesar