RGPD - Cookies
Cultura

As oficinas de SmartPeme da comarca de Vigo acollen preto de 20 obradoiros o mes de novembro

smartpemeAs oficinas SmartPeme da comarca de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de novembro dezaoito obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación.

“SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras, autónomas e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o xoves 3 de novembro, “Xestiona o teu negocio dende o móbil”. O luns 7, “Sácalle partido á túa conta de Gmail”. O venres desa semana, día 11, “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais”. O martes 15 de novembro, “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”. O mércores seguinte, 23, “Crea unha nube de información privada para a túa empresa” e, por último, o 28 de novembro será a quenda de “Fotografía e vídeo para establecementos de turismo”. A oficina SmartPeme de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o mércores 2, “Fotografía de produto: especial sector téxtil”. O venres 4, “Facebook Ads”. O martes seguinte, día 8, “Google Analytics: iniciación á analítica web”. O xoves da seguinte semana, día 17, “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais”. O seguinte luns, 21 de novembro, “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa” e a última quenda será a de “Imos chamar á porta da túa clientela, posicionamento SEO” o luns 28. A oficina SmartPeme do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo son as seguintes: o mércores 2, “Rendibiliza o teu perfil profesional nas redes sociais”. O mércores seguinte, día 9, “Fotografía con smartphone: PIXLR para Android e iOS”. O venres 11 de novembro, “Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite”. O xoves 17, “Medios de pago: novas tecnoloxías aplicadas aos pagamentos”. O seguinte martes, día 22, “Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl” e, por último, “A túa páxina web con WordPress” o luns 28. A oficina SmartPeme de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

Todas as actividades –tanto das de Ponteareas, O Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19:00 horas e o teléfono de inscrición é o seguinte: 886 20 20 20.

También te puede interesar