RGPD - Cookies
Vigo al día

@MareaVigo pide unha maior concreción nos usos da Panificadora

panificadora-1

O grupo municipal da Marea de Vigo apoia a recuperación da área da Panificadora a través dun concurso de ideas, pero pide unha maior concreción nos seus usos para que «non vexamos, por enésima vez, todo o proxecto e miles de euros gastados para obter soamente unha bonita maqueta».

Así o manifestou este venres o portavoz do grupo, Rubén Pérez, quen asegurou que na Xerencia de Urbanismo celebrada hoxe «o voto da Marea foi a favor da modificación do PEPRI e do orzamento, pero tivemos que absternos no prego posto que carece de contido sobre usos, estado do edificio e demais cuestións fundamentais incluso para os arquitectos que participen do concurso».

Pérez lembrou a existencia dun convenio do 2003 entre o Concello e os propietarios dos terreos, un convenio sobre o que a Marea de Vigo lle gustaría saber se está aínda vixente e en que termos, posto que fala da reforma dos terreos da Panificadora, usos e desenvolvemento urbanístico.

Para a Marea de Vigo, «partindo de que se trata dun interese público, os usos teñen que ser esencialmente públicos», como por exemplo un auditorio público, biblioteca ou espazos para o tecido asociativo da cidade, ademais dos espazos con retorno económico que deben existir ao facerse coa participación da Zona Franca.

2,5 millóns de euros

O Concello de Vigo aprobaba unha partida para o inicio da recuperación da zona da Panificadora e do espazo lindante coa Praza do Rei, con 2,5 millóns de euros nun proceso que avanza «moi en serio», xa que esta mesma mañá a Xerencia de Urbanismo aprobou un gasto de 124.657 euros para o prego do concurso de ideas para a ordenación urbanística da área. O gañador será o responsable de redactar o proxecto e recibirá 50.000 euros de premio.

También te puede interesar