Vigo al minuto

Denuncian novos recortes de persoal en Urxencias do Álvaro Cunqueiro

alvaro-cunqueiro-urgencias

A CIG volve denunciar que a falta de cobertura de prazas estruturais e a desorde organizativa do Sergas “incide de forma particularmente lesiva” en Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Nesta ocasión asegura que a transferencia dunha auxiliar de enfermaría desde observación a boxes agrava a sobrecarga dun servizo con ratios de doentes que “mesmo duplican”, no caso das auxiliares, os recomendados.

Dende o sindicato denuncian que “o caos organizativo provocado pola dirección do Sergas, que tenta cubrir constantemente con parches as insuficiencias de persoal“, está a repercutir nunha notable diminución na calidade asistencial, incrementando a saturación de servizos.

Aseguran que é o que vén de suceder no Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde a transferencia da auxiliar de enfermaría desde a área de observación á de boxes agrava unha situación xa de por si complicada. O persoal denuncia que, de feito, os ratios de auxiliares por doente son moi superiores aos recomendados pola Sociedade Española de Enfermaría de Urxencias, que indica que debe existir unha relación de seis a un, mentres que no servizo diurno chegan a dez, e no nocturno mesmo a quince.

Unha sobrecarga que coa chegada da estación invernal, do ciclo de gripes e da descompensación de crónicos acentuará, segundo a CIG, os problemas dun servizo para o que “se demanda un incremento en efectivos, e non o desmantelamento ao se ve abocado en base ás decisións do Sergas”.

Neste sentido, o persoal auxiliar iniciará estes días unha campaña de denuncia e información aos doentes, acompañada dunha recollida de sinaturas que procura a rectificación do organismo público.

También te puede interesar