Destacados Vigo al minuto

Veciños de Teis queren levar a pleno a mellora das conexións de bus ao hospital Álvaro Cunqueiro

teis-manifestacion-bus-hospital

A Asociación Veciñal de Teis solicitou por escrito a través do rexistro xeral do Concello de Vigo ter un representante desta asociación no pleno municipal deste mes de outubro para expor a problemática da mellora do transporte en autobús desde Teis ao hospital Alvaro Cunqueiro.

Ata o momento a entidade leva recollidas ata o de agora 3.100 sinaturas para reivindicar ao Concello unha liña de autobús directa desde Teis ata o hospital Alvaro Cunqueiro. Esta campaña, que se iniciou hai varias semanas, continuará tamén nas vindeiras.

Logo de que centos de persoas participaran nas manifestacións do pasado 27 de setembro e 11 de outubro, a asociación convoca unha nova mobilización para o martes 25 de outubro ás 19.00 horas desde o mercado de Teis.

Os responsables da asociación vecinal subliñan que dende a apertura do novo hospital, hai máis dun ano, “as queixas son continuas da veciñanza que utiliza o autobús urbano”. Segundo indican, os veciños teñen que desprazarse ate a Casa de Artes e Oficios, en García Barbón, para coller o H1, ou até os Choróns, para subirse ao H2, para poder conseguir un enlace para ir ao Cunqueiro, non hai ningunha liña que pase ou saia da parroquia de Teis e, ademáis, a liña H1, non funciona nin sábados, domingos e festivos”.

A Asocicación de veciños engade que “hai que ter en conta que unha parte importante dos usuarios son persoas maiores e supón un problema ter que coller varios autobuses, os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar aos familiares”.

Por isto entenden que o goberno municipal debe esixir a Vitrasa que mellore este servizo debidamente ampliando as liñas H1 e H2 ata Teis e que a liña H1 funcione tamén os sábados, domingos e festivos.

 

You may also like