Cultura

O programa ‘Conectadas 2016’ inicia o día 15 de outubro 24 obradoiros en 20 concellos de Pontevedra

conectadasO programa de Igualdade “Conectadas 2016” levará a cabo ata o 15 de outubro, 24 novos obradoiros repartidos entre os seguintes 20 concellos da provincia: Baiona (conservación de alimentos, conservas artesanais), Barro (tapas, petiscos e canapés), Caldas de Reis (cociña: menú diario), Cambados (cociña e alimentación: hábitos saudables), Crecente (zumba), A Estrada (cociña: menú diario e intelixencia emocional), Meaño (cestaría), Meis (conservación de alimentos, conservas artesanais), Mos (pilates), Oia (percusión e canto e risoterapia), Pontevedra (ioga), O Porriño (pilates e arte floral: ornamentación), Rodeiro (pilates), Salvaterra de Miño (cestaría), Sanxenxo (ximnasia de mantemento e poda e tarefas do campo dende a sustentabilidade), Tui (pastelaría e repostaría creativa), Vigo (pilates), Vila de Cruces (zumba), Vilagarcía de Arousa (conservación de alimentos, conservas artesanais) e Vilanova de Arousa (cociña: menú diario).

Estes obradoiros do programa elaborado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra recollen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas (zumba, ioga, ximnasia de mantemento), pasando pola artesanía e manualidades (traballos en tea, coiro, madeira e outros; costura creativa; iniciación á costura) ou a alimentación (conservación de alimentos, conservas artesanais; cociña e alimentación: hábitos saudables; tapas, petiscos e canapés), así como alfabetización dixital (fotografía e edición) e psicoloxía (risoterapia, mindfulness), entre outros.

“Conectadas 2016” ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias. Faino mediante accións formativas e coa incorporación de maneira transversal dos principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación nos distintos eidos persoal, laboral e familiar. Ademais, tamén pretende contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías.

Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.

También te puede interesar