Ciencia y Tecnología

A Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa de formación para titulados superiores no ámbito da I+D+i

investigacionA Fundación Galicia Europa (FGE) convoca, por segundo ano consecutivo e en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), unha bolsa de prácticas formativas para titulados superiores universitarios co obxecto de formar á persoa seleccionada na xestión de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Esta é a segunda convocatoria da bolsa de I+D+i tras a entrada de Gain no padroado da FGE en xuño de 2015 e a iniciativa enmárcase no obxectivo fundacional da FGE de formación en asuntos europeos.

A bolsa terá unha duración dun ano e se desenvolverá integramente na oficina da FGE en Bruxelas, onde a persoa seleccionada se unirá ao equipo de bolseiros da FGE. Tamén existe a posibilidade de que o seleccionado realice breves periodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela. O período de prácticas desenvolverase entre o 23 de novembro de 2016 e o 22 de novembro de 2017.

O plan de formación consistirá no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación e incluirá a asistencia ás reunións das redes de cooperación rexional nas que participa o Goberno de Galicia para promover a participación galega en proxectos europeos de I+D+i, nomeadamente ERRIn e a Vanguard Initiative.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido un título universitario superior con posterioridade a 2009, non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE ou demostrar o dominio das linguas galega, española e inglesa, entre outros.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 14 de outubro mediante envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE en Santiago de Compostela e Bruxelas.

También te puede interesar