Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Deseñan na @UVigo un programa de pilates para enfermos de Parkinson

pilates-parkinson

Melloras no seu equilibrio, nos seus niveis de forza e no seu control corporal. Isto foi o que experimentaron as persoas enfermas de Párkinson que participaron no estudo desenvolvido polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e Irimia Mollinedo, que traballan na validación dun protocolo de exercicio físico baseado no método pilates dirixido especificamente a persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa.

Un protocolo que, coa colaboración da asociación Apropark (Asociación Provincial de Párkinson), puxeron xa en práctica cun grupo de afectados e afectadas por esta patoloxía, co propósito de analizar se a práctica dunha serie de “exercicios intensos”, contribuía a unha mellora “da súa capacidade pulmonar e aeróbica e do seu nivel de forza muscular, parámetros fundamentais para mellorar a autonomía da persoa”, como salienta Cancela, investigador principal do grupo HealthyFit.

Este protocolo foi posto en práctica por primeira vez cun grupo de 16 persoas, que durante tres meses realizaron dúas sesións semanais dunha hora das actividades deseñadas polos investigadores no marco da tese de doutoramento de Mollinedo. A través dunha serie de tests que miden forza, flexibilidade ou equilibrio, a súa evolución era comparada coa dun segundo grupo que non realizaba este programa, pero si o resto de actividades físicas que vén promovendo a asociación.

Entre os resultados destas análises, os investigadores destacan as melloras rexistradas no control dos movementos e da “conciencia corporal” dos pacientes, algo que é “moi importante á hora de evitar moitas caídas”, como apunta Mollinedo. Neste senso, entre os propósitos do programa atopábase tanto buscar “unha posición máis erguida” e evitar a flexión de xeonllos que padecen moitas das persoas afectadas, como promover ese “maior control corporal” que lles permita “reequilibrarse” ante situacións de bloqueo.

pilates-parkinson-02

Un programa específico para persoas activas

Composto por unha sesión semanal de exercicios de pé e sentados e outra de exercicios en chan, cos que buscaban estender e fortalecer a columna e mellorar esa estabilidade postural, o programa foi deseñado tendo en conta as necesidades de “potenciar certa musculatura ou gañar flexibilidade en determinadas zonas” que implica esta enfermidade, como recoñece Mollinedo.

Cancela aclara que “este non é un programa aplicable a todo o mundo”, senón que precisa “duns mínimos de condición física, xa que se trata de exercicios intensos”. De aí que, no marco da colaboración que o grupo HealthyFit mantén desde hai anos con Apropark, se seleccionase para este primeiro estudo, centrado en pacientes que se atopan nos estadios 1 a 3 da enfermidade, a un grupo de persoas “que manteñen un nivel de actividade física bastante elevado” e participan todas as semanas nas diferentes actividades de exercicio físico que promove esta asociación.

También te puede interesar