Vigo al minuto

Os traballadores do @AeroClubVigo piden “cordura” na negociación do aluguer do chan dos montes de Cabral

aeroclub

Os traballadores e traballadoras do Real Aero Club de Vigo queren facer un chamamento “á cordura e á responsabilidade” das partes que están a negociar o aluguer dos montes de Cabral no que está instalado o club, que vence a finais de 2016. Aseguran que un mal resultado no proceso negociador podería “poñer en risco” os seus postos de traballo.

Segundo explican os traballadores, o Real Aero Club de Vigo é “unha pequena entidade sen ánimo de lucro que ten 65 anos de historia e constitúe un referente para a cidade de Vigo”. A día de hoxe conta con 23 empregados (16 traballadores de plantilla, 4 profesores e traballadores de tenda e 3 da cafetería) con entre 11 e 35 anos de antigüidade na entidade e unha media de idade de 45 anos.

Os traballadores coinciden en que ao tratarse dunha plantilla pequena “o trato sempre foi bo e a relación de respecto e proximidade”. Por iso insisten en amosar a súa preocupación polo futuro dos seus postos de traballo, “que en moitos casos constitúen a única fonte de ingresos dos seus respectivos fogares”.

Tamén fan fincapé no feito de que, coa media de idade da plantilla, a inserción laboral no caso de despedimento pode ser “moi complexa”. Por todo elo, os empregados do Real Aero Club de Vigo desexan que se chegue a un acordo “o máis xusto e rápido posible” para todas as partes co fin de rematar coa “incertidume” na que se atopan en relación cos seus postos de traballo.

También te puede interesar