Galicia

@En_Marea demanda un aumento dos servixos ferroviarios no Eixo Atlántico

tren-grande

O grupo En Marea presentou unha proposición non de lei no Congreso para instar ao Ministerio de Fomento a incrementar os servizos ferroviarios do Eixo Atlántico entre Vigo, Santiago e A Coruña, nun momento no que Galicia é das poucas comunidades autónomas que carecen incluso de tren de cercanías.

Para a portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, trátase “dunha reclamación histórica” non subsanada “a pesar de contarmos coa infraestrutura ferroviaria necesaria” e que cambiaría configurando “un mapa de frecuencias do Eixo máis completo e útil para as necesidades dos usuarios”.

Fernández destacou que, actualmente, “hai lagoas importantes en franxas horarias que son horas punta en Vigo ou noutras cidades e vilas galegas. Na oferta actual podemos atoparnos con baleiros de case dúas horas nas frecuencias do Eixo en horarios de moita demanda“. Así, por exemplo, desde Vigo-Urzáiz entre as 06.40 e as 08.50 horas non hai servizos ferroviarios cara Santiago ou A Coruña, “unha deficiencia que obriga aos usuarios a coller o primeiro tren e demostra “unha falla de adecuación dos servizos ferroviarios ás necesidades diarias dos usuarios”.

Alexandra Fernández defende a potenciación do transporte ferroviario, especialmente para vertebrar o territorio e facilitar a mobilidade interior, “moito máis necesario para a vida diaria da xente que a alta velocidade” e critica “a pasividade da Xunta de Feijoó e do Ministerio de Fomento para pór en marcha un servizo de cercanías” que “nunca pasou da fase de estudos”.

Outra das deficiencias subliñadas por En Marea son os “trens masificados dos venres pola tarde e dos domingos, coincidindo cos traslados de estudantes universitarios. A pesar das queixas, das imaxes de persoas sentadas no chán, Renfe continúa sen reforzar as frecuencias nestes días”.

Ademáis, Fernández recordou que o Eixo Atlántico quedouse en A Coruña-Vigo, cando orixinariamente debía cubrir Ferrol-Tui ata a fronteira portuguesa co obxectivo “de avanzar e promover a conexión ferroviaria na Eurorexión Galiza–Portugal, nunha das zonas de maior actividade económica e industrial que comprendería Vigo e Porto”.

También te puede interesar