Cultura

A @depo_es retoma as escavacións no campo da Lanzada

lanzada-excavacion-02

O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra retomou este luns os traballos de escavación no xacemento da Lanzada para cumprir co proxecto establecido no Protocolo co Ministerio de Fomento.

Deste xeito seguirán ata cumprir co proxecto autorizado por Patrimonio da Xunta de Galicia e evitar así o risco de deterioración “que a inacción de Fomento pode causar” ante os importantes achados que o xacemento está a revelar.

A institución provincial decidiu así completar o programa no castro de Noalla, á vez que xa encargou a redacción do proxecto de consolidación definitiva que, se Fomento non asume “as súas obrigas”, levará a cabo cando terminen as escavacións.

Os operarios da Deputación xa estiveron realizando os labores de limpeza e conservación preventiva nos castros do Trega (A Guarda) e Alobre (Vilagarcía), traballos necesarios antes da consolidación definitiva, cuxos proxectos se están terminando de redactar.

O goberno provincial volve a facer un chamamento ao Ministerio de Fomento para que “dunha vez fixe unhas datas realistas que non comprometan a existencia do proxecto e cumpra coas súas obrigacións, claramente delimitadas no protocolo”, segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Así mesmo, a Deputación de Pontevedra reclamará todos aqueles gastos que teña que afrontar a institución provincial por realizar os traballos que corresponden ao Ministerio.

También te puede interesar