Destacados Vigo al día

A @depo_es leva recadados máis de 51,5 millóns de euros en impostos en 2016

 

oral-porrino

O servizo de Xestión Tributaria e Catastral da Deputación de Pontevedra, o ORAL, leva recadados 51,5 millóns de euros nos primeiros nove meses de 2016 e emitidos máis de 1,4 millóns de recibos, o que supón un incremento de 250.000 recibos en comparación con todos os emitidos durante todo o ano pasado.

A estes datos faltan engadirlles as cifras do último trimestre, período onde ten lugar o maior volume de recadación de todo o ano.

Así o asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante as súas visitas ás oficinas do ORAL en Ponteareas e O Porriño, oficinas que atenden aos concellos e ás veciñas e veciños das comarcas con necesidades de pago de impostos e taxas por propiedades, así como á cidadanía de calquera outro concello da provincia.

Silva lembrou que “para a maioría dos concellos, 52 deles con menos de 20.000 habitantes, sería absolutamente imposible xestionar o conxunto das cuestións tributarias que se xestionan dende o ORAL” e, ademais, asegurou que “este servizo garante que os concellos poidan obter os ingresos aos que teñen dereito pola vía tributaria, ingresos que serven para que fagan as políticas e os gastos que teñen que levar a cabo para garantir a prestación dos seus servizos públicos”.

O ORAL é o servizo da Deputación de Pontevedra encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial, como o IBI, o IAE, o imposto de vehículos ou o lixo, entre outros. Á súa vez, encárgase de todos os trámites e xestións relacionadas coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, en especial a relativa ás multas de tráfico.

O ORAL ofrece aos concellos da provincia a totalidade da tramitación dos seus impostos por delegación. Ademais, as oficinas contan coa vantaxe de que ao se tratar dun servizo centralizado, calquera persoa pode empregar calquera oficina, mesmo se está fóra da súa área de influencia ou se esta persoa tributa nunha vila na que tamén hai unha oficina ORAL.

 

También te puede interesar