Comarcas

O Goberno de Nigrán levará a Pleno a creación dun servizo de canguros permanente

255669_npadvhoverO goberno de Nigrán levará ao pleno da vindeira semana a aprobación dunhas bases para a creación dun servizo municipal de canguros permanente destinado a familias en risco de exclusión social. O programa será financiado ata finais de 2016 polo departamento de Igualdade da Deputación de Pontevedra e a partir de 2017 o asumirá íntegramente o Concello co obxectivo de que sexa estable.

O servizo está pensado para as familias con menos recursos que precisan dispor dun tempo determinado para realizar actividades de tipo laboral, formativo, sanitario ou social, pero ao mesmo tempo se trata tamén de ofertar aos menores cuidados básicos e atencións de carácter lúdico e educativo. Por outra banda, implica a contratación de persoal cualificado, polo que contribúe a crear emprego.

“Hai moita xente con dificultade económica que aínda por riba ten problemas á hora de buscar un traballo ou de formarse porque non se pode permitir pagar un servizo privado para o coidado dos fillos, é a esa xente a quen queremos chegar para que teña as mesmas oportunidades; queremos un Nigrán para todos e con este obxectivo promovemos este tipo de iniciativas sociais”, explicao alcalde, Juan González. Así, as bases recollen expresamente esta situación ou incluso que o servizo lles facilite tempo para participar en actividades da comunidade (asociacións, xornadas…) ou para manter o posto de traballo ou ascender nel.

Os principios do programa recollidos nas propias bases son a flexibilidade e multifuncionalidade, é dicir, poderase acceder ao servizo en diferentes momentos e horarios, conforme aos intereses da unidade familiar; o benestar do menor; e intervención personalizada grazas a un contacto previo para dar respostas concretas a cada necesidade.

Para poder acceder ao servizo é preciso estar empadroado en Nigrán, que estea xustificada a petición do mesmo e cumprir cos requisitos de natureza económica  establecidos (a modo orientativo, unha familia de dous membros non pode exceder os 15.745 €/ano e unha de catro os 22.6673 €).

Asimesmo, o prazo de solicitude estará aberto todo o ano. “As necesidades de canguro poden xurdir de sópeto ou ir variando, por iso é un programa flexible ao que poder acollerse en calquera momento”, indica o rexedor, quen asume este servizo como parte da política social coa que se comprometeu ao chegar ao goberno.

También te puede interesar