Vigo al día

En marcha o Centro de Asesoramento SmartPeme de Vigo

img_4903A Presidenta da Deputación participou esta mañá, acompañado polo alcalde, na presentación do Centro de Asesoramento SmartPeme de Vigo ao tecido empresarial da cidade e da súa área, onde resaltou que SmartPeme é “un proxecto que pon a disposición dos colectivos empresariais unha rede de asesoramento, apoio, formación e información para a posta en marcha de proxectos, pero tamén para a mellora daqueles que xa existen pero que poden ser mellorados a través das TIC”.

Silva explicou que a Deputación de Pontevedra ten en marcha SmartPeme coma unha iniciativa que “quere estar ao lado da innovación, dos emprendedores e emprendedoras, dos autónomos e autónomas e das medianas e pequenas empresas desta cidade de Vigo e de toda a súa área”. Lembrou que máis do 90% das empresas da área de Vigo son pemes, e que polo tanto, resúltalles moi útil un instrumento coma SmartPeme, que lles permitirá obter maiores beneficios, maior presenza nacional e internacional, mellores resultados, “e en consecuencia, maior eficacia cun claro obxectivo, crear empresas e traballo na zona”.

A través de SmartPeme, a Deputación asesora na actualidade a máis de 2.000 empresas na provincia. Neste sentido, Silva agradeceulle ao alcalde o seu apoio para que SmartPeme cree en Vigo unha grande rede de traballo conxunto entre Administracións e tecido empresarial.

Carmela Silva salientou que é obvio que Vigo conte cun centro de asesoramento de SmartPeme, xa que “é a cidade da economía de Galicia, aquí é onde está o maior emprendemento, unha universidade que é capaz de xerar máis innovación, aquí hai un clima de creación de empresas e proxectos que son capaces de competir en todo o mundo, e polo tanto, sería inentendible que este non fose un dos grandes centros de SmartPeme”.

O proxecto SmartPeme é un novo servizo de apoio e asesoramento orientado á mellora competitiva de pemes e profesionais e á mellora nas vendas e á eficacia das tarefas, a través das tecnoloxías da información e das novas tecnoloxías.

Para lograr isto, a rede de SmartPeme conta con seis centros de asesoramento (Vigo, Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín e Ponteareas), dende onde se ofertan actividades e servizos e onde o tecido empresarial pode atopar todo tipo de información e apoio. SmartPeme traballa ademais agora man a man cos concellos, logrando que o proxecto se oferte coma un servizo propio dos municipios.

También te puede interesar