RGPD - Cookies
Comarcas

A @depo_es achegará 20.000 euros á As Neves ante a situación de emerxencia no subministro de auga

deputacion-as-neves

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, reuníronse este xoves con carácter de urxencia para tratar as restricións no subministro de auga da traída municipal nesta vila despois dos incendios que sufriu o pasado verán. Ambas as dúas entidades asinaron a concesión dunha axuda por parte da Deputación de 20.000 euros en base ás necesidades de emerxencia da vila para subsanar esta situación.

Segundo Silva, a pesar de que a Deputación non ten competencias, que son da Xunta de Galicia, «entendemos que se trata dun problema real xa que o subministro de auga non se puido realizar por un problema de salubridade pública e de seguridade para as persoas, circunstancias que nos obrigan a actuar ao respecto”.

A Deputación actuará no aluguer de vehículos e maquinaria, a realización de analíticas diarias e reparacións no sistema de abastecemento debido á necesidade de realizar actuacións urxentes de emerxencia social que fagan fronte a este imprevisto.

Ademais, Silva adiantou que “dende a Deputación imos a pedir que as administracións competentes dean unha resposta estrutural a este problema, porque o precisa”.

As Neves tivo que restrinxir durante oito días o subministro de augas por mor das cinzas e demais materia orgánica que se depositaron sobre o río Termes, problema que aumentou os últimos días debido ás choivas. Dende o Concello advírtese á veciñanza de que mentres dure o proceso de bombeo aos depósitos para estabilizar a rede de distribución, dende hoxe ata mañá, non é recomendable beber ou cociñar coa auga da traída municipal.

También te puede interesar