RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología

1,5 millóns para a investigación do vigués José Tubío sobre cancros transmisibles en bivalvos

jose tubio

A excelencia científica é o criterio que determina a concesión das Starting Grant, as prestixiosas bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para facilitar que investigadores e investigadoras novos poidan desenvolver os seus propios proxectos independentes. Proxectos como o estudo do cancro transmisible en animais mariños do investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo José Tubío, ao que o ERC vén de conceder 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento desta investigación ao longo dos vindeiros cinco anos.

Case 3.000 candidaturas

 

O programa do ERC está dirixido a investigadores cunha traxectoria de entre 2 e 7 anos desde a finalización do seu doutoramento e promovidas co propósito de reter, impulsar e aproveitar o talento das novas xeracións e permitirlles desenvolver os seus propios proxectos. Á convocatoria de 2016 das Starting Grant presentáronse un total de 2.935 proxectos nas tres liñas subvencionables, Ciencias Físicas e Enxeñaría, Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias da Vida.

Nesta última, dividida á súa vez en nove paneis que reuniron un total de 854 proxectos, insírese a proposta coa que vén de ser seleccionado Tubío, que identifica dúas das claves para a súa selección. A primeira, ter preparado a fondo a entrevista previa á resolución final, que o levou en xuño a presentar o seu proxecto, con bivalvos incluídos, ante o comité de expertos da ERC en Bruxelas, xa que “a convocatoria esixe un proxecto competitivo e orixinal, pero tamén saber defendelo”. E a segunda é “contar coa axuda de David Posada”, o primeiro investigador da Universidade recoñecido neste programa europeo e que na actualidade conta cunha axuda Consolidator Grant.

Á Starting Grant de Tubío súmase ademais a obtida pola investigadora Elena Ojea, que no vindeiro mes de outubro se incorporará á Universidade de Vigo.

Cancros transmisibles

Explica Tubío que ata hai un ano non se coñecía a existencia de “cancros que poden transmitirse dun individuo a outro” en especies mariñas, unha casuística só coñecida ata entón en cans e no demo de Tasmania, dúas especies nas que o investigador galego centrara precisamente a súa investigación en Cambridge nos últimos anos.

“Neste caso, trátase de cancros que se transmiten polo mar dun bivalvo a outro, polo que se o pensas, este mecanismo é como unha metástase, só que en lugar de transmitirse dun órgano a outro, faino entre individuos diferentes”, salienta o investigador.

Afondar pois nos “mecanismos que ocorren nas metástases a través do estudo destes cancros tan especiais” e identificar “aqueles xenes que fan que unha célula se volva transmisible, os mecanismos moleculares que fan que unha célula poida saír dun animal e ir a outro” constitúe a base desta investigación.

También te puede interesar