Comarcas Galicia

75.000 euros para derrubar a fábrica de Cam Fram de Tui, futura sede xudicial

derribo

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar os case 75.000 euros para a redacción do proxecto e execución da demolición da antiga fábrica de Cam Fram, situada na Avenida da Concordia, en Tui.

Deste xeito, case o 10% do investimento da institución provincial dentro do Plan Concellos para o municipio tudense, 735.000 euros, irán destinados aos inicios da reconversión da factoría nun edificio xudicial no que se aglutinarían os tres xulgados agora distribuidos en dous inmobles diferentes.

Este investimento súmase aos 415.000 euros para o acondicionamento e amplificación da edificación do futuro comedor escolar do CEIP Plurilingüe e Abalar Nº 2, a reparación e as melloras das instalacións deportivas municipais Alcalde Álvarez Durán, a realización de diversas obras de mantemento e conservación do centro municipal de remo, a adquisición dun vehículo que se empregará en servizos municipais do concello, o subministro de mobiliario urbano, a restauración do palco da música no Cantón de Diomedes e a realización de obras no interior do pavillón da Macoca; así como case 31.000 euros para a celebración de diversas actividades e financiamento dos programas de servizos municipais da Escola de Música e do Conservatorio de Música; e outros 214.000 euros para a contratación de 22 traballadoras e traballadores que están a traballar nos servizos municipais da vila.

Máis de 166.000 euros para melloras en Soutomaior e Mondariz Balneario

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar tamén tres achegas que representan un investimento de máis de 115.000 euros no concello de Soutomaior. Serán axudas de máis de 41.000 euros para a pavimentación dos camiños de Lourido, Romariz e Carrasqueira; outros 41.000 euros para o de Pedreira e 33.000 para os de Pino Manso e Carballal.

Ademais, concedeuse unha achea de 51.400 euros para a realización de melloras no paseo de Troncoso, no concello de Mondariz Balneario.

También te puede interesar