Vigo al día

Iniciado o procedemento de avaliación ambiental que permitirá a construcción de 1.600 vivendas protexidas en Navia

XuntaO Goberno de Galicia vén de iniciar o procedemento de avaliación ambiental do Plan parcial que permitirá a construción de 1.600 protexidas en San Paio de Navia. O documento de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada da modificación puntual do plan parcial atópase xa en información pública, so catro días despois de que o remitise o Concello, segundo informa a administración galega. Os interesados poderán achegar as súas alegacións ou comentarios ao mesmo ata o día 19 de setembro próximo (pode consultarse no enlace  http://goo.gl/wMQugT)

Ao tratarse dun procedemento simplificado, o prazo máximo para a súa tramitación é de catro meses, tal como establece a lei de avaliación ambiental.

A modificación puntual do plan parcial de San Paio de Navia permitirá incrementar en preto de 1.000 as vivendas protexidas previstas na ampliación do solo residencial urbanizado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo na cidade de Vigo.

Paralelamente á tramitación da modificación puntual do plan parcial, o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten aberta a oferta pública de adquisición de solo para a ampliación de San Paio de Navia, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 30 de xuño.

A Xunta prevé adquirir solo por mutuo acordo cos vendedores por importe de oito millóns de euros, o que supón invertir este ano en Navia catro veces máis do previsto inicialmente nos orzamentos do organismo para 2016.

A previsión é iniciar a obras de urbanización do polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia en 2017 para que a mesma estea rematada a finais de 2018. Neste polígono, cunha superficie edificable de 86.048 metros cadrados, poderanse construír 732 vivendas protexidas.

Posteriormente desenvolverase o polígono 2, cunha edificabilidade de 85.268 metros cadrados para 718 vivendas e finalmente farase o propio co polígono 3, no que se empraza solo para 147 vivendas e as parcelas destinadas a usos terciarios.

A modificación do Plan permitirá incrementar o número  de vivendas protexidas en preto de 1.000, concretamente 984, ao pasar de 613 que se podían edificar co documento orixinal ás 1.597 que se poderán construír grazas aos cambios introducidos no plan parcial. En total, a superficie construída destinada a vivenda protexida sitúase nos 189.000 metros cadrados, o que permitirá construír 165 vivendas unifamiliares e 1.430 distribuídas en bloques de edificación residencial.

A modificación do Plan Parcial tamén prevé o incremento substancial no número de prazas de aparcadoiro público, xa que se proxectan 1.230 prazas nas fases por desenvolver e 629 en terreos das fases xa urbanizadas, o que supón a execución de 1.859 novas prazas en San Paio de Navia.

También te puede interesar