Vigo al minuto

A antiga Roma renace en Toralla, con voda e venda de escravos incluída

Vigo retrocederá ata a antiga Roma. Será a través das oito recreacións da vida romana que se levarán a cabo en xullo e agosto no Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla, onde se escenificará unha voda con banquete, venda de escravos e loita de gladiadores.

Con esta iniciativa trátase de divulgar o patrimonio histórico vigués na Finca Mirambel con representacións gratuítas que comezan este mesmo xoves ás 20.00 horas e durarán aproximadamente dúas horas.

As representacións serán todos os xoves de xullo e os xoves 4,18 e 25 de agosto, ademais do venres 12 de agosto, xornada na que se celebrará a Noite Branca nos museos da cidade.

Os visitantes que acudan á Vila Romana de Toralla serán recibidos nas escaleiras con pétalos de flores. Nas ruínas mostrarase a vida na vila romana, onde cada personaxe interpretará o seu oficio. O patricio e a súa muller recibirán aos invitados á voda, que se representará no escenario cunha cerimonia oficiada por unha sacerdotisa, co banquete, unha venda de escravos, baile e loita de gladiadores.

También te puede interesar